Estás en:Novas

Unha quincena de persoas e entidades reciben os seus galardóns na Gala de Premios culturais da Deputación

O presidente salientou o compromiso da Deputación coa cultura, "que se reflicte nestes premios,e tamén cada ano nos orzamentos provinciais. Por exemplo, a Deputación vai investir en 2024 preto de dous millóns de euros na súa Rede Cultural, o dobre do que se destinaba en 2014"

A deputada de cultura puxo en valor as iniciativas de apoio á cultura da entidade provincial, que se enmarcan "nunha liña de traballo prioritaria, que levamos moitos anos implantando, e que se exemplifica nestes premios, pero tamén noutros proxectos que se centran nos procesos creativos, como é o caso das Residencias Artísticas Mariñán"

Unha quincena de persoas e entidades reciben os seus galardóns na Gala de Premios culturais da Deputación

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Cultura, Natividade González, acompañados por parte da corporación provincial, foron os anfitrións, esta tarde,da Gala de Premios culturais da Deputación na se homenaxearon ás 15 persoas e entidades premiadas nos diferentes certames culturais do ano 2023.

Así, subiron ao escenario do Teatro Colón para recoller os seus galardóns os autores César Cequeliños, Jesús María Antón, Anna Maria Blasco, Alberto Ramos, Blanca Paula Rodríguez Garabatos e Rafael Fernández Lorenzo; os debuxantes e guionistas de banda deseñada Paula Mayor e Cristian F. Caruncho; o artista Berio Molina; o artista gráfico Juan Carlos Escudero; o fotógrafo Fuco Reyes; os músicos Eduardo Soutullo e Satélite Salitre; a poeta Iolanda Aldrei en representación de Luz Fandiño, e a coopertiva A Morada.

Nesta terceira edición da gala as mimosas protagonizaron unha escenografía que, baixo o concepto de "luz de tempada", evoca o cambio de estación do inverno á primavera, un momento de transición onde a natureza esperta nunha explosión de cores e vida. Este proceso, marcado polo florecemento e a mudanza gradual das luces, simboliza o espertar das ideas.

Na súa intervención, Valentín González Formoso, parabenizou a todos os premiados, "que invisten o seu tempo e a súa creatividade para concorrer a uns premios que hoxe a Deputación lles entrega con orgullo, porque sentimos correspondido o noso esforzo a prol da cultura, e porque vemos que a calidade desborda en non poucas ocasións as expectativas das convocatorias", apuntou.

Ademais, o presidente referiuse á necesidade de promover unha cultura accesible dende as administracións públicas, xa que "a cultura é socialización, integración e enriquecemento vital. Pero, ademais, a cultura é industria". Deste xeito, sinalou a súa importancia "no desenvolvemento de calquera sociedade moderna, un sector estratéxico que, no noso caso, representa o 2 % do PIB galego e dá traballo a 30.000 persoas. Un sector que tamén é valioso para a proxección exterior da provincia e de Galicia, que crea imaxe de país".

Natividade González, pola súa banda, agradeceu a asistencia a unha gala que reúne "o mellor talento da provincia de múltiples e moi diversas disciplinas artísticas: dende a literatura ata a música, pasando pola fotografía, a banda deseñada, a arte gráfica ou o teatro, entre outras", apuntou. "Esta xuntanza tan heteroxénea é inédita, e representa á perfección a riqueza cultural, o talento e o arte emerxente deste país".

Tamén se referiu ao valor da cultura "e o seu poder transformador, enriquecedor e reivindicativo". Así, "dende a área de cultura da Deputación contamos cun modelo cultural propio que centra as nosas políticas públicas en tres piares fundamentais: a nosa lingua, a transformación social e o territorio" afirmou; "unha liña de traballo prioritaria para nós, que levamos moitos anos implantando, e que se exemplifica nestes premios, pero tamén noutras iniciativas centradas nos procesos creativos, e non só nos resultados finais, como as Residencias Artísticas de Mariñán ou o certame Reino de Galiza".

A Gala estivo presentada pola actriz Sabela Arán, e contou coas actuacións de Aldao Lado e Satélite Salitre. Todas as persoas premiadas recibiron unha escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta.