Estás en:Novas

A Deputación destaca o labor de intermediación laboral de COGAMI durante a visita ás súas instalacións no edificio da Milagrosa

A Deputación e COGAMI colaboran na inserción laboral do colectivo das persoas con discapacidade na provincia

Esta colaboración permitiu máis de 900 insercións laborais durante o ano pasado

A Deputación destaca o labor de intermediación laboral de COGAMI durante a visita ás súas instalacións no edificio da Milagrosa

A deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, visitou hoxe as instalacións da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) en Coruña, no espazo que a Deputación da Coruña lles cede no edificio administrativo da Milagrosa.

Neste encontro, Rosa Ana García e Ramón Sestayo, vicepresidente de COGAMI, fixeron balance do convenio asinado entre ambas as dúas institucións para o desenvolvemento do proxecto "Servizo de Intermediación Laboral 2023", de accións encamiñadas á mellora da inserción laboral entre o colectivo de persoas con discapacidade na provincia da Coruña.

Mediante a sinatura deste convenio, a entidade provincial comprometeuse a achegar 105.000 euros, o que supón un 22,54 % do orzamento total do proxecto.

Rosa Ana García subliñou o "importante labor social de integración que realiza COGAMI ano a ano, ofrecendo unha saída laboral e diferentes oportunidades formativas e informativas ás persoas con discapacidade".

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI)

COGAMI é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como misión conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e a promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación e coordinación do asociacionismo e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.

O Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI conta con máis de 8.059 usuarios e usuarias na provincia da Coruña. No seu día a día realizan actividades como entrevistas ocupacionais, orientación e asesoramento laboral, intermediación laboral, xestión de ofertas de emprego, formacións, seguimentos das persoas xa inseridas, e itinerarios personalizados para a promoción da activación de busca de emprego.

Dentro das accións de inserción laboral das persoas con discapacidade, cabe destacar que desde o ano 1996 conseguiu que preto de 44.000 persoas con discapacidade atopasen emprego no territorio galego e no ano 2022 lográronse asinar un total de 901 contratos na provincia coruñesa.