Estás en:Novas

A Deputación da Coruña comeza as obras do aparcadoiro en Balarés

Trátase dunha actuación branda e integrada na contorna, onde predominarán as zonas verdes

Supón un investimento de 397.000 euros para dotar á zona de 395 prazas de aparcamento

Ten como obxectivo ordenar o tráfico e o estacionamento de vehículos, acabando cos constantes problemas que ocasionan os coches aparcados nos laterais da vía de acceso á praia

A Deputación da Coruña comeza as obras do aparcadoiro en Balarés

A Deputación da Coruña comezou esta semana as obras de construción do novo aparcadoiro no entorno de Balarés, en Ponteceso, cun investimento de 396.800 euros, que teñen como obxectivo ordenar o estacionamento de vehículos, liberar o tráfico e garantir a seguridade da veciñanza e dos numerosos visitantes que rexistra a praia, o pinar e a zona de lecer próxima, especialmente durante a época estival.

Os traballos completan unha serie de melloras por importe de máis de 600.000 euros levadas a cabo na área de lecer, iniciadas en 2016 tras a visita á zona do presidente Valentín González Formoso, a petición do entón alcalde, Lois García Carballido. Renovación do mobiliario urbano, reparación dos elementos de madeira da área de lecer, renovación da fosa séptica, adecentamento e limpeza da contorna e pequenas melloras nos accesos foron algunhas das actuacións levadas a cabo inicialmente.

Posteriormente, en 2019, a Deputación adquiriu unha parcela de 34.000 metros próxima á área de lecer para continuar realizando melloras necesarias como a creación deste aparcamento, que permitirá rematar cos constantes problemas de tráfico e de aparcamento dos vehículos que ata agora estacionaban nos laterais da vía principal de entrada á praia, ocasionando dificultades nos accesos e problemas de seguridade, especialmente nos meses de verán.

Un actuación branda e integrada na contorna

As obras consisten nunha intervención branda, perfectamente integrada no entorno ambiental da zona. O novo aparcadoiro contará con 395 prazas, 4 delas para persoas con mobilidade reducida, viais de 5 metros de ancho e vía principal de acceso de 7 metros. O pavimento estará composto por formigón con ocos recheos de terra sobre os que se dispón céspede. Isto permitirá unha resistencia maior para soportar o peso dos vehículos e, ao mesmo, tempo unha superficie verde cunha permeabilidade do 90%. Usaranse técnicas de drenaxe urbana sostible e disporanse árbores autóctonas no espazo.

As obras inclúen ademais a construción dunha senda peonil de 116 metros de lonxitude e 2 metros de ancho, delimitadas a ambos lados por travesas de madeira, cunha pasarela-ponte de 4,5 metros para salvar a canle natural do regato existente na zona.

O proxecto ten un prazo de execución de seis meses e pretende mellorar a seguridade e comodidade tanto dos veciños coma das numerosas persoas que visitan a praia e a área de lecer, especialmente durante o verán, ocasionando problemas de tráfico, de aparcamento e de seguridade.